GAIN-CIS Madeira

O Observatorio Galego da Biomasa colabora estreitamente coa Axencia Galega de Innovación (GAIN) e co CIS-Madeira para impulsar a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico vinculados ao uso sostible da biomasa en Galicia. Ambas as entidades desempeñan un papel clave na transferencia de coñecemento, a validación de novas tecnoloxías e o impulso de proxectos que contribúen ao fortalecemento da bioeconomía galega.

Que é?

O Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia (CIS-Madeira) é un centro tecnolóxico da Xunta de Galicia, creado en 1996, cuxa misión é mellorar a competitividade do sector galego da madeira. Presta apoio técnico e científico a empresas, profesionais e entidades vinculadas á cadea forestal-madeira mediante servizos avanzados de control de calidade, innovación e optimización de procesos produtivos, asesoramento técnico en construción en madeira, realización de ensaios normalizados, caracterización de produtos e transferencia de coñecemento ao tecido empresarial.

Actividade no ámbito da biomasa

CIS-Madeira desenvolveu diversos proxectos de investigación orientados a avaliar o potencial enerxético do mato e doutras biomasas forestais de Galicia. Estes traballos abordan aspectos como as técnicas de recollida e procesado, a caracterización física, química e enerxética da biomasa, a cuantificación dos recursos dispoñibles, a avaliación de impactos ambientais e a análise do uso sostible da biomasa forestal e dos subprodutos. Os resultados contribuíron a mellorar o coñecemento técnico e a fomentar un aproveitamento eficiente e sostible destes recursos en aplicacións domésticas e industriais.

Máis información en https://cismadeira.xunta.gal/gl

Foro Galego da Biomasa

O Foro Galego da Biomasa é un espazo de encontro promovido pola Consellería de Economía, Emprego, no que profesionais do sector comparten avances tecnolóxicos, proxectos, novidades normativas e experiencias de éxito relacionadas coa biomasa. Ata a data celebráronse cinco edicións, sendo a última o 11 de abril de 2024 no marco da feira Enerxétika 2024 (V Foro da Biomasa). Esta edición foi organizada polo Clúster da Biomasa de Galicia e cofinanciada polo IGAPE, e constitúe unha ferramenta clave para fomentar a colaboración entre empresas, centros tecnolóxicos, administracións e entidades do sector forestal-enerxético.

Selo Galicia Calidade

O selo Galicia Calidade certifica a calidade e a orixe galega de biocombustibles sólidos como pellets e estelas. Para obter esta distinción, polo menos o 80 % da materia prima debe proceder de explotacións forestais ou industrias situadas en Galicia, garantindo proximidade, trazabilidade e valor engadido local. Ademais, o selo acredita o cumprimento das normas internacionais de calidade máis esixentes, como UNE-EN ISO 17225 (pellets e estelas), UNE-EN ISO 15234 e a certificación «ENplus». Esta acreditación reforza a confianza da persoa consumidora e promove o uso de biocombustibles de calidade contrastada.

Máis información en http://www.galiciacalidade.gal

eucaliptos maderos pellets