#empregoverde

Tipos de
biomasa

Tipos de biomasa

A biomasa é unha fonte de enerxía renovable obtida a partir de recursos forestais e subprodutos de orixe natural. En Galicia, o seu uso está amplamente estendido en fogares, empresas e administracións públicas debido á súa competitividade económica, á súa capacidade para reducir emisións e ao impulso que xera sobre a economía local.

Neste apartado poderás coñecer as características principais dos principais tipos de biomasa dispoñibles en Galicia, así como o seu rendemento enerxético, usos recomendados e vantaxes ambientais.


Pellets

Os pellets son un biocombustible sólido elaborado a partir de restos de madeira seca e prensada, principalmente serrín e virutas procedentes da industria forestal. O seu proceso de fabricación controlado garante un produto homoxéneo, con baixo contido en humidade e unha elevada densidade enerxética.

Grazas a estas características, os pellets ofrecen un rendemento moi alto en estufas e caldeiras automáticas, ademais dunha combustión estable e con escasas emisións. O seu formato estandarizado permite un manexo sinxelo, almacenamento limpo e un transporte eficiente.

Os pellets fabricados en Galicia dispoñen de sistemas de certificación recoñecidos internacionalmente como ENplus ou SURE, que aseguran a súa calidade, sustentabilidade e trazabilidade. Este combustible é ideal para vivendas unifamiliares, edificios públicos, pemes, negocios de hostalaría e pequenas redes de calor.

Principais vantaxes:

  • Alto poder calorífico (aproximadamente 4,6–5 kWh/kg)
  • Baixo contido en cinzas
  • Acendido fácil e funcionamento automático
  • Estabilidade de prezos fronte a combustibles fósiles
  • Produto local e renovable
Pellets

Achas

A astilla é un biocombustible procedente do triturado de restos forestais xestionados de maneira sostible: podas, limpezas de monte, subprodutos da industria forestal ou madeira de pequeno diámetro.

O seu contido enerxético depende do tamaño, a humidade e o tipo de madeira, pero caracterízase por ser un combustible económico e de gran dispoñibilidade en Galicia grazas á extensa superficie forestal do territorio.

A astilla utilízase principalmente en caldeiras de media e grande potencia, idónea para industrias, instalacións municipais, centros educativos, granxas, hoteis, piscinas cubertas ou redes de calor.

Principais vantaxes:

  • Custo por kWh moi competitivo
  • Recurso abondoso e local
  • Ideal para consumos continuos de media ou alta demanda térmica
  • Pemite valorizar subprodutos forestais
  • Reduce a dependencia enerxética exterior
  • Facilidade de almacenamento
  • Dispón de transporte habitualmente rexional
Achas

Leñas

A leña é o biocombustible sólido tradicional por excelencia, amplamente utilizado en fogares rurais e vivendas con cheminea ou estufa. A súa enerxía procede directamente de troncos de madeira procedentes de aproveitamentos forestais sostibles.

O rendemento da leña depende do seu grao de secado: a leña seca (< 20 % de humidade) ofrece unha combustión máis eficiente, maior poder calorífico e menos emisións.

A leña é adecuada para estufas, chemineas insertables, fogares calefactores e algunhas caldeiras domésticas. Aínda que require espazo de almacenamento e un manexo máis manual que outros biocombustibles, segue sendo moi valorada pola súa dispoñibilidade, prezo e confort térmico.

Principais vantaxes:

  • Combustible accesible e de proximidade
  • Poder calorífico variable segundo especie (aproximadamente 3–4,2 kWh/kg en leña seca)
  • Ampla rede de provedores locais
  • Ideal para uso residencial e calefacción de apoio
  • Aporta un calor agradable e natural
  • Posibilidade de autoprodución
Leñas

Briquetas

As briquetas son bloques de biomasa prensada, fabricados tamén a partir de residuos de madeira seca sen aditivos. Grazas á súa elevada densidade e baixo contido en humidade, teñen unha combustión máis lenta, estable e duradeira que a leña convencional.

Son especialmente adecuadas para fogares, estufas ou chemineas onde se busca unha longa duración da chama e unha elevada eficiencia térmica. A súa forma uniforme permite un almacenamento limpo, sen po, e un manexo cómodo.

As briquetas de madeira popularizáronse como alternativa moderna á leña para usuarios que buscan maior rendemento, menor xeración de cinzas e menor necesidade de reposición de combustible.

Principais vantaxes:

  • Combustión prolongada e homoxénea
  • Alto poder calorífico (aproximadamente 4,5–5 kWh/kg)
  • Baixo contido en humidade
  • Pouco residuo e mantemento reducido
  • Fácil almacenamento e transporte
Briquetas