Novas

Aquí atoparás todas as novas e novidades sobre as vantaxes que trae consigo a Biomasa

As Administracións abren a porta para buscar outro operador para a térmica das Pontes

27/01/2021

As Administracións abren a porta para buscar outro operador para a térmica das Pontes

Ministerio para a Transición Ecolóxica, Consellería de Economía e Concello das Pontes subscriben un informe —realizado por técnicos do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía ( IDAE), do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e da administración local, entre outros— que rebate o presentado por Endesa para defender o peche da central térmica pontesa. As conclusións dese estudo, fundamentado en causas técnicas e ambientais, foron presentadas nun encontro telemático que celebraron este mércores todas as partes implicadas, e onde os tres Gobernos insistiron en que a planta pode seguir operando, usando biocombustibles para xerar electricidade.

O alcalde da antiga vila mineira, Valentín González Formoso, explicou que, durante a reunión, as administracións insistiron no seu defensa da continuidade da térmica, e manifestaron a Endesa que, se non está interesada en mantela, poñerán encima da mesa a procura doutro operador, que podería entrar en escena na poxa dos nodos da capacidade de evacuación de enerxía que queda dispoñible ao pechar a central. Segundo o rexedor, os representantes da eléctrica abríronse entón á procura dalgún proxecto de futuro para as instalacións.

Con todo, o acordo que se tomou no encontro do comité técnico foi o de que as administracións se darán agora un prazo de dúas semanas para elaborar un estudo que analice a viabilidade económica da continuidade da central, utilizando unha mestura de biocombustibles e gas natural. González Formoso afirma que, fronte aos 225 millóns de euros que alega Endesa que tería que investir para adaptar a central e poder operala no próximos dez anos, os estudos que manexan apuntan a que as transformacións que habería que facer custarían 20 millóns.

Carbón ou gas natural

As últimas probas que levaron a cabo na térmica pontesa efectuáronse cunha mestura de carbón e biocombustibles (lodos procedentes de depuradoras e biomasa), con distintas achegas porcentuais. O informe subscrito polas tres administracións subliña que en canto ás emisións á atmosfera e á calidade do aire, a cocombustión desenvolveuse no marco dos parámetros que esixen as normativas ambientais. «No caso do mercurio, nas probas de aproximación observáronse valores que puntualmente superaban o valor límite establecido nas Bref, (...) pero nestas probas definitivas, coa incorporación de TMT-15 no absorbedor, facilítase a precipitación do mercurio e non se superou en ningún caso o valor límite establecido», reflicte o estudo técnico.

Goberno, Xunta e Concello tamén reprochan a Endesa que ignorase no comité técnico as súas peticións para probar porcentaxes maiores do tope do 50 % de biomasa, que foi o que levou a cabo. «Non se conseguiu, pero polo menos realizouse unha proba exitosa nun muíño empregando o 100 % de biomasa, chegándose a procesar 50 t/ h de biomasa, o que equivalería a unha operación do grupo de 250 MW», indican os redactores do informe.

De novo, análisisDespués das reunións dos técnicos, este xoves celebrarase a mesa de transición xusta, na que ademais de Goberno central, Xunta e Concello das Pontes, están representados tamén os axentes sociais. A oposición ao peche da central térmica é unánime neste foro.

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/as-pontes-de-garcia-rodriguez/2021/01/27/administracionesevaluaran-economicamente-nuevos-planes-termica-endesa/00031611753766597437361.htm


Compartir en