Novas

Aquí atoparás todas as novas e novidades sobre as vantaxes que trae consigo a Biomasa

XUNTA, AVEBIOM e IDAE únense na promoción do uso da biomasa como solución enerxética en vivendas

22/09/2016

XUNTA, AVEBIOM e IDAE únense na promoción do uso da biomasa como solución enerxética en vivendas

A Xunta de Galicia, a Asociación Española de Valorización Energética de la Biomasa (AVEBIOM) e o Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) traen de novo a Galicia a exposición itinerante ‘Biomasa na túa Casa’ para dar a coñecer á cidadanía as vantaxes do uso da biomasa como fonte enerxética nas vivendas así como os últimos modelos de estufas, chemineas, caldeiras e sistemas de calefacción, que ofrecen un alto rendemento e máxima comodidade, a uns custes moi inferiores aos doutras fontes de enerxía.

Biomasa na túa casa’ aterra nesta ocasión en Galicia co apoio da Xunta, grazas ao convenio subscrito entre AVEBIOM e o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, para a promoción e difusión da biomasa.

Trátase dunha mostra divulgativa de equipos, solucións, instalacións e biocombustibles, de libre acceso, que tamén ofrece solucións profesionais a decoradores, rehabilitadores, inmobiliarias, administradores de fincas e comunidades de veciños que desexan achegar alternativas enerxéticas e ahorro aos seus clientes.

Calendario

Biomasa na túa casa’ estivo en Monforte de Lemos (Lugo) do 9 ao 11 de setembro; en A Estrada (Pontevedra), do 17 ao 25; en Boiro (A Coruña), do 30 ao 2 de outubro; en Carballo (A Coruña), do 5 ao 9 de outubro; e en Verín (Ourense), do 14 ao 16.

En Monforte de Lemos coincidiu cunha Xornada Informativa para os colectivos de prescriptores técnicos, representantes de comunidades de veciños, responsables das administracións, así como xerentes e industriais das empresas galegas.

Case 38 millóns en tres anos

O respaldo da Xunta de Galicia a esta iniciativa se enmarca dentro da Estratexia de Impulso á Biomasa, que suporá a movilización de 38 millóns de euros en investimento entre os exercicios 2014 e 2016.

A Estratexia prevé para 2020 acadar un aforro de 70 millóns de euros ao ano na compra de combustibles fósiles, poñer en circulación 275.000 toneladas ao ano de biomasa entre 2014 e 2020, e mobilizar 450 millóns de euros en investimentos, o que permitirá xerar 1.000 novos postos de traballo.

Galicia conta actualmente con preto de 8.100 instalacións de caldeiras de biomasa, cunha potencia acumulada de 536.000 kilovatios, o que a sitúa entre as Comunidades con maior implantación do uso desta enerxía, segundo os datos do Observatorio Nacional de Calderas de Biomasa (ONCB). O uso maioritario é o doméstico, co 74,4% das instalacións, seguido do público (14,1%) e do industrial (11,5%).

14 cidades

A exposición ‘Biomasa na túa Casa’ iniciouse en maio de 2015 e xa visitou 14 cidades: Valladolid, Vitoria, Logroño, Guadalaxara, Burgos, Mérida, León, Ourense, Oviedo, Santander, Pamplona, Lleida, Segovia e Salamanca.

En conxunto, a exposición foi visitada por máis de 234.000 persoas.


Compartir en